As parroquias pontevedresas reforzarán a súa imaxe a través 
dos novos monolitos que gardarán os cadros eléctricos

9
Os novos elementos foron creados por SETGA e Pontevedresa Group, unha colaboración que cristalizou dun xeito harmónico, moderno e integrador coa paisaxe
Esta renovación dos habitáculos, nos que tamén se situarán os contadores da empresa eléctrica, será realizada aos poucos, comezando por cinco parroquias: Santa María de Xeve, Santo André de Xeve,  Mourente e Marcón 

O Concello de Pontevedra dará un salto cualitativo na iluminación do rural, máis aló do proceso realizado nestes últimos tempos na renovación e mudanza cara á tecnoloxía LED da luminaria das parroquias pontevedresas. Este novo chanzo vén acompañado da instalación dun novo tipo de cadros de luz, máis seguros e estéticos, que nacen da colaboración de SETGA con Pontevedresa Group.

Os novos monolitos son pezas herméticas, que contan cunha aparencia moito máis estilizada e adaptada aos tempos que os habituais cadros de luces que un pode atopar en diferentes puntos do municipio. Estes novidosos elementos contarán cunha estrutura rectangular e vertical, e con dous habitáculos no seu interior; estando o superior reservado para situar os contadores da empresa eléctrica e o inferior para a colocación de todos os cadros eléctricos de control.

«Neste primeiro paso de renovación mudaremos preto de 70 cadros en cinco parroquias. En cada unha delas o monolito será diferente, estará personalizado; a imaxe principal queremos que conteña algún elemento singular da parroquia e identificador, ademais do nome da mesma», explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, durante a presentación da nova peza municipal na nave de SETGA, na parroquia de Alba. «Isto é unha innovación que vai en varios aspectos, pois haberá menos avarías e, sen dúbida, a nivel estético o cambio é total. Empezaremos no rural de xeito case inmediato en cinco parroquias (Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Verducido Mourente e Marcón)».

A instalación destes monolitos entra dentro dos contratos xa en execución nas nomeadas parroquias e xa adxudicados en Cerponzóns, Alba e Campañó, polo que serían as seguintes parroquias en recibir estas novas instalacións; restando por sacar o contrato de renovación da luminaria en Tomeza, Salcedo e Lérez.  Ponte Sampaio, Canicouva, Bora e Lourizán xa contan con tecnoloxía LED e nun futuro tamén mudarán as caixas dos cadros de luz por estes novos modelos.

Os materiais e a tecnoloxía para crear estes monolitos son de vangarda. A parte frontal, onde se atopa a imaxe, é realizada a través de impresión cerámica sobre vidro, «das máis avanzadas en Europa, pois Pontevedra conta coa máquina de impresión dixital co cabezal máis grande do continente», tal e como sinala Iago Barbeito, de Pontevedresa Group. «É unha tecnoloxía totalmente galega a través dun ciclo de produción local o que tamén deixa, claro, un emprego local e un aporte económico dentro de Pontevedra».

Pola súa banda, Ángel G. Calvo, presidente de SETGA, explicou que é un «cadro discreto, que se integrará coa paisaxe». «Está feito en aceiro inoxidábel, lixeiro e conta con vantaxes varias, como a súa doada limpeza, os tratamentos anti graffiti… Desde o punto de vista funcional ten todos os cambios necesarios para adaptarse á normativa actual e aos novos tempos. Desde o punto de vista técnico é top»

«As nosas parroquias contarán coa máis moderna tecnoloxía de iluminación pública que pode haber neste momento no mundo», sinala o rexedor. «Con ela lograremos unha menor contaminación lumínica e, por suposto, teremos un maior aforro enerxético, que podemos calcular nun 75 % aproximadamente».

O alcalde da cidade afirmou que «é probable» que neste mandato queden mudadas todas as luminarias das parroquias, amais de contar con esta nova estética que traen os novos monolitos. «É unha aposta que mantemos, dixemos que este mandato ía ser o mandato do rural e así está sendo. Imos gastar algo máis de cen millóns nesta contorna, e falamos de investimentos que van máis aló da iluminación; falamos tamén do tema de saneamento, ou do abastecemento de auga; que están a marcar un antes e un despois en Pontevedra».